Protocolo para combater o Discurso de Odio

O 18 de marzo de 2021 presentouse o “Protocolo para Combater o Discurso de Odio Ilegal en Liña” na Secretaría de Estado de Migracións do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, coa vocación de ser unha guía para a cooperación e a colaboración entre os actores institucionais da sociedade civil e as empresas de servizos de aloxamento de datos para previr, combater e eliminar o discurso de odio ilegal en liña.

O Protocolo inspírase no Código de Conduta que asinou a Comisión Europea en 2016 coas empresas de internet, na Recomendación (UE) 2018/334 da Comisión de 1 de marzo de 2018 sobre medidas para combater eficazmente os contidos ilícitos en liña, e baséase na lexislación española vixente na materia.

Foi elaborado a través do traballo consensuado de todos os seus asinantes, que foron, pola parte institucional: o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado, Ministerio de Xustiza, Ministerio do Interior, Ministerio de Educación, Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ministerio de Igualdade e contra a violencia de xénero, Ministerio de Cultura e Deportes e Ministerio de Inclusión Seguridade Social e Migracións.

Por parte das plataformas da sociedade civil que participaron: Foro para a Integración Social dos Inmigrantes; Consello Estatal do Pobo Xitano; Consello de Vítimas de delitos de odio e discriminación; Federación Española de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais; Plataforma da Infancia e Plataforma do Terceiro Sector.

Participou tamén a Asociación Española da Economía Dixital, na que se integran empresas prestadoras de servizos de aloxamento de datos como: YouTube, Facebook, Instagram, Twitter ou Microsoft.