Hoja 19 - Residencia independiente de las personas que tienen o han tenido vínculos familiares con una persona de nacionalidad española - Migracións
Folla 19- Residencia independente das persoas que teñen ou tiveron vínculos familiares cunha persoa de nacionalidade española
*O contido desta páxina é meramente orientativo. Unicamente é de aplicación o disposto na normativa vixente no momento de presentación da solicitude.
Última actualización: maio de 2025
Índice de contidos
- Tipo de autorización
- Normativa básica
- Requisitos
- Supostos
- Documentación esixible
- Procedemento
AUTORIAutorización
É unha autorización de residencia temporal independente das persoas que teñen ou tiveron vínculos familiares cunha persoa de nacionalidade española.
NORMATIVA BÁSICA
- Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social (art. 31)
- Real decreto 1155/2024, do 19 de novembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social (artigo 99).
REQUISITOS
Poderán optar a este tipo de autorización, sempre que se dean os supostos recollidos no punto seguinte, aquelas persoas que se atopen nalgunha destas situacións:
- O cónxuxe maior de dezaoito anos, sempre e cando non recaese acordo ou declaración de nulidade do vínculo matrimonial ou divorcio e non se celebrase en fraude de lei.
- A parella estranxeira non casada maior de dezaoito anos que manteña coa persoa de nacionalidade española unha relación de afectividade análoga á conxugal e inscrita nun rexistro público establecido, para eses efectos, nun Estado membro da Unión Europea ou nun Estado parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou en Suíza, sempre e cando non se celebrase en fraude de lei e non se cancelase a dita inscrición, o que deberá ser suficientemente acreditado.
- Os seus fillos ou, os do seu cónxuxe, parella rexistrada ou parella estable sempre e cando esta tamén resida ou vaia residir en España, menores de vinte e seis anos, ou maiores da devandita idade que estean ao seu cargo, ou que teñan unha discapacidade para a que precisen apoio para o exercicio da súa capacidade xurídica.
- Os ascendentes directos de primeiro grao en liña directa e os do seu cónxuxe, ou parella rexistrada ou parella estable sempre que non recaese acordo ou declaración de nulidade do vínculo matrimonial, ou divorcio, ou se cancelase a inscrición rexistral da parella nos seguintes casos:
1.º) Cando acrediten que viven ao seu cargo e carezan de apoio familiar en orixe
2.º) Cando concorran razóns de carácter humanitario.
- O pai, nai, titor ou titora dun menor de nacionalidade española,sempre que o solicitante teña a cargo o menor e conviva con este ou estea ao corrente das súas obrigas respecto del. Esta relación deberá ter sido constituída conforme o ordenamento xurídico español.
- Un único familiar, ata o segundo grao,que realice ou vaia realizar os coidados que precise unha persoa con nacionalidade española que teña recoñecido algún dos graos de dependencia previstos no artigo 26 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
- Os fillos e as fillas cuxo pai ou nai sexan ou fosen españois de orixe.
SUPOSTOS
- Falecemento da persoa de nacionalidade española: non afectará o dereito de residencia dos que sexan titulares da autorización sempre que estes residisen en España antes do falecemento do titular do dereito. As persoas que obtivesen a autorización de residencia temporal de familiares de persoas con nacionalidade española terán a obriga de comunicar o falecemento á Oficina de Estranxeiría onde residan no prazo máximo de seis meses desde que se produza.
- Cesamento da residencia efectiva en España da persoa con nacionalidade española: deberá ser comunicada no prazo máximo de seis meses desde que se produza,non suporá a perda da autorización de residencia dos seus fillos nin do proxenitor que teña atribuída a custodia efectiva destes, con independencia da súa nacionalidade,sempre que os ditos fillos residan en España e se encontren matriculados nun centro de ensino para cursar estudos, isto ata a finalización destes.
- Nulidade do vínculo matrimonial ou divorcio, ou cancelación da inscrición como parella rexistrada,da persoa con nacionalidade española coa persoa estranxeira: esta terá obriga de comunicar a dita circunstancia ás autoridades competentes no prazo de seis meses desde que se produza.Para conservar o dereito de residencia, deberá acreditarse un dos seguintes supostos:
- Duración de polo menos tres anos do matrimonio ou situación de parella rexistrada ou estable, ata o inicio do procedemento xudicial de nulidade do matrimonio, divorcio ou da cancelación da inscrición como parella rexistrada,dos cales deberá acreditarse que polo menos un dos anos transcorreu en España.
A solicitude de autorización de residencia independente deberá solicitarse no prazo dos seis meses seguintes á data de notificación da admisión da demanda de nulidade, divorcio ou separación de dereito, da resolución de cancelación da inscrición da parella rexistrada ou do cesamento da convivencia da parella estable.
- Outorgamento por mutuo acordo ou decisión xudicial,da custodia dos fillos e fillas da persoa con nacionalidade española, ao excónxuxe ou exparella rexistrada ou estable de nacionalidade estranxeira.
- Resolución xudicial ou mutuo acordo entre as partes que determine o dereito de visita, ao fillo ou filla menor, do excónxuxe ou exparella estable ou rexistrada de nacionalidade estranxeira, cando o dito menor resida en España e a devandita resolución ou acordo se encontre vixente.
- Cando a persoa estranxeira fose vítima de violencia de xénero, de violencia sexual, dun delito por condutas violentas exercidas no contorno familiar,vítima de trata de seres humanos por parte do familiar español ou vítima do delito de abandono de familia, menores ou persoas con discapacidade necesitadas de especial protección, unha vez ditada ao seu favor, nos tres primeiros casos, unha orde xudicial de protección ou, no seu defecto, exista un informe policial ou un informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero ou conte con identificación no que figure identificada como vítima de trata de seres humanos emitido polas autoridades policiais con formación específica na investigación da trata de seres humanos e na identificación das súas vítimas. Tamén se poderá acreditar a condición de vítima de violencia de xénero, vítima de violencia sexual e vítima dun delito por condutas violentas exercidas no contorno familiar a través do documento que o acredite de conformidade coas previsións recollidas na normativa correspondente.
DOCUMENTACIÓN EXIXIBLE
Nota: con carácter xeral deberanse achegar copias dos documentos e exhibir os orixinais no momento de presentar a solicitude.
- Impreso de solicitude en modelo oficial (EX – 24) ,debidamente cumprimentado e asinado polo estranxeiro familiar.
- Copia completa do pasaporte, título de viaxe ou cédula de inscrición, válidos e en vigor da persoa estranxeira.
- Documentación acreditativa da causa da residencia independente.
Nota importante: cando se acheguen documentos doutros países deberán estar traducidos ao castelán ou lingua cooficial do territorio onde se presente a solicitude por un tradutor xurado
Por outro lado, todo documento público estranxeiro deberá ser previamente legalizado pola Oficina Consular de España con xurisdición no país en que se expediu o devandito documento ou, se é o caso, polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación salvo no caso en que o devandito documento fose apostilado pola Autoridade competente do país emisor segundo o Convenio da Haia do 5 de outubro de 1961 e salvo que o devandito documento estea exento de legalización en virtude de Convenio Internacional.
Información sobre tradución e legalización dos documentos.
PROCEDEMENTO
*Nota: este procedemento terá carácter gratuíto.
- Suxeito lexitimado para presentar a solicitude:o familiar estranxeiro.
Folla informativa sobre suxeitos lexitimados
- Lugar de presentación:
- Presencialmente, na Oficina de Estranxeiría da provincia na que teña establecida ou vaia establecer a súa residencia.
Información da dirección, teléfonos e horarios de atención ao público.
Deberá solicitala no prazo dos seis meses seguintes á data en que se produza o feito causante previsto. Obtida a resolución favorable sobre a residencia independente, a persoa estranxeira manterá a tarxeta de identidade de estranxeiro da que sexa titular ata a caducidade desta.
Cando non sexa posible mante-la autorización a título persoal, procederá solicita-la modificación da autorización, nos termos previstos no título XI do regulamento, sempre que acrediten os requisitos previstos e se solicite no prazo dos tres meses seguintes á data que se produza a circunstancia que o xustifica ou ós tres meses seguintes á denegación da solicitude da residencia independente.
- Prazo de resolución da solicitude: dous meses desde a data de presentación da solicitude ou desde a recepción da comunicación da Oficina Consular. Transcorrido o dito prazo sen obter resposta entenderase que a solicitude foi desestimada por silencio administrativo.(Cando non se puidese notificar a resolución anunciarase no Taboleiro Edictal Único (TEU).Se se optase por notificación electrónica ou normativamente estivese obrigado a utilizar ese medio, a resolución notificarase mediante publicación na sede electrónica.Se non se accedese á resolución en dez días naturais desde a súa publicación, darase por notificada).
- No prazo dun mes desde a notificación da concesión da autorización de residencia temporal ou desde a data de entrada en territorio nacional, a persoa estranxeira deberá solicitar persoalmente a tarxeta de identidade de estranxeiro, na Comisaría de Policía ou servizos policiais competentes do seu lugar de residencia.
A documentación a achegar na solicitude da tarxeta de identidade de estranxeiro pode ser consultada no seguinte enlace:
https: / / / sede.administracionespublicas.gob.es/procedimientos/index/categoria/34