Migraciones abre el registro de colaboradores de extranjería para que sindicatos y organizaciones sin ánimo de lucro ayuden en la regularización
09/03/2026
Regularización extraordinaria
Migracións abre o rexistro de colaboradores de estranxeiría para que sindicatos e organizacións sen ánimo de lucro axuden na regularización
Topics:
- Poderanse inscribir no rexistro as organizacións do ámbito migratorio ou de protección internacional para auxiliar as persoas que tramiten a súa solicitude de regularización
- Prestarán gratuitamente o seu servizo de apoio na representación
- As entidades inscritas elaborarán un censo de persoas da súa organización habilitadas para seren representantes dos interesados
Share on social networks:
O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións creou o Rexistro Electrónico de Colaboradores de Estranxeiría, adscrito á Secretaría de Estado de Migracións, coa publicación no BOE e entrada en vigor da orde ISM/164/2026, do 2 de marzo.
As entidades colaboradoras poderán prestar asistencia ás persoas interesadas na presentación das solicitudes de tramitación do proceso de regularización extraordinaria.
Neste Rexistro poderanse inscribir as organizacións sindicais máis representativas a nivel estatal ou autonómico e as entidades sen ánimo de lucro que traballen no ámbito migratorio ou de protección internacional. No caso das entidades sen ánimo de lucro deben estar legalmente constituídas polo menos tres anos antes da data de solicitude de inscrición no Rexistro.
Todas as organizacións deberán acreditar unha experiencia de polo menos dous anos no acompañamento a persoas migrantes en actividades como atención, asesoramento, integración social ou tramitación administrativa de persoas estranxeiras. Ademais, é imprescindible que estean ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e non ter sido condenadas nin sancionadas.
As entidades e os sindicatos elaborarán un censo das persoas que estarán habilitadas para exerce-la representación das persoas interesadas en recibir apoio coa tramitación das súas solicitudes.
Os colaboradores prestarán asistencia de modo gratuíto
Os colaboradores de estranxeiría prestarán axuda ás persoas interesadas en recibir auxilio cos trámites de estranxeiría de modo gratuíto.
A solicitude de inscrición no Rexistro deberá presentarse telematicamente na sede electrónica do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e dirixirse á Dirección Xeral de Xestión Migratoria. Para a inscrición deben presentar a documentación acreditativa da representación legal da organización ou entidade, a documentación que acredite a experiencia no acompañamento e asistencia a persoas estranxeiras e o censo de persoas habilitadas para exercer a representación. As organizacións deberán cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal.
As inscricións no rexistro terán unha validez de catro anos, prorrogables por outros catro anos.