La afiliación a la Seguridad Social crece en diciembre y suma más de 530.000 empleos en 2023, con niveles máximos de mujeres ocupadas
03/01/2024
Balance de emprego
A afiliación á Seguridade Social crece en decembro e suma máis de 530.000 empregos en 2023, con niveis máximos de mulleres ocupadas
Topics:
- No último mes, rexistráronse 23.287 traballadores en termos desestacionalizados máis e alcánzase así un novo récord de emprego
- A afiliación media mantense por encima dos 20,8 millóns de traballadores, o nivel máis elevado nun mes de decembro
- As mulleres representan o 47,3 % das persoas ocupadas e achéganse aos 9,9 millóns, que supoñen máximos da serie
- Elma Saiz: “Remata un ano especialmente positivo para o emprego. Ao longo de 2023, cada mes rexistrouse un nivel historicamente alto”
- España rexistra un crecemento de emprego maior que o do resto das grandes economías europeas
Share on social networks:
A Seguridade Social rematou o ano con 20.774.625 traballadores rexistrados en decembro, descontando a estacionalidade e o efecto calendario. É o mellor dato da serie histórica, despois de sumar 533.731 traballadores ao longo de 2023. O incremento do conxunto do ano supera ao de 2022, un exercicio con gran dinamismo na creación de emprego. A suma de 2022 e 2023 supón un millón máis de afiliados.
En comparación co mes de novembro, o incremento en decembro é de 23.287 afiliados á Seguridade Social.

Pola súa banda, a cifra de afiliación media mantense en niveis históricos, con 20.836.010 afiliados, a máis alta da serie orixinal nun mes de decembro. Na serie diaria, a afiliación mantívose por encima dos 20,8 millóns de traballadores de forma continuada entre o día 1 e o 21 de decembro. Respecto de novembro, rexistráronse 29.937 afiliados máis. O crecemento interanual da afiliación foi do 2,7 %, con 539.740 traballadores máis que en decembro de 2022.
A boa marcha do exercicio redondease co crecemento do número de mulleres traballando: son xa máis de 9.850.000 cotizantes, 300.000 máis que en decembro de 2022, e supoñen o 47,3 % do conxunto de traballadores.
“O mercado laboral rexistrou un comportamento excepcionalmente positivo en 2023, cun novo aumento do emprego en decembro. É especialmente salientable o incremento de emprego entre as mulleres, o 55% do emprego creado o ano pasado é feminino” , dixo a ministra de Seguridade Social, Inclusión e Migracións, Elma Saiz. “Ao longo de ano, cada mes rexistrouse un máximo histórico da serie. España está mostrando unha capacidade de resiliencia encomiable” , engade. “2023 foi un ano histórico en creación de emprego desde todas as perspectivas co que se consolida o cambio estrutural do noso mercado de traballo. Un ano de máis emprego, de máis calidade. Para máis mozos e máis mulleres, en sectores máis cualificados e con menos temporalidade”.
Maior crecemento do emprego que as outras grandes economías
Respecto ao nivel previo á pandemia (decembro 2019) , a afiliación creceu en máis de 1,4 millóns de persoas en termos desestacionalizados. Ademais, en comparación co nivel anterior á pandemia, a creación de emprego en España (+7,2 %) supera á dos grandes países europeos (Francia, +5,1 %; Alemaña, +1,4 %). Tamén o aumento do emprego é máis destacado que nestes países desde o inicio da guerra de Ucraína, período en que en España creceu un 5,4 %, mentres que en Francia e Alemaña rexístranse crecementos inferiores ao 2%.

Novo récord histórico de emprego feminino
Pola súa banda, en comparación co nivel anterior á pandemia, o emprego feminino tamén mostra un especial dinamismo, xa que crece 3 puntos máis que o dos homes na media xaneiro-decembro. En termos interanuais, a afiliación feminina crece un 3,1 %, 0,9 puntos máis que a dos homes e, como resultado, hai máis de 9,8 millóns de mulleres traballando. En decembro, rexistráronse 9.856.258 afiliadas mulleres, o 47,3 % do total, que é o máximo da serie.
Alén diso, o emprego dos mozos aumenta por enriba da media. Desde o nivel previo á pandemia, afiliación á Seguridade Social dos menores de 30 anos incrementouse un 10,8 %, 3,7 puntos porcentuais máis ao ritmo de crecemento medio.

O crecemento da afiliación respecto ao nivel previo á pandemia é especialmente intenso en sectores de alto valor engadido como Informática e Telecomunicacións, cuxo número de afiliados aumentou un 25,2 %, ou Actividades Profesionais, Científicas e Técnicas, que presenta un crecemento do 15,8 %. Desde o fin da pandemia, un de cada cinco novos afiliados (314.000 en termos absolutos) incorporouse a estes dous sectores altamente produtivos.
Máis de 3,1 millóns de novos afiliados indefinidos e mínimo de temporalidade
Case dous anos despois da entrada en vigor da reforma laboral, acentúanse os seus efectos positivos na estabilización do emprego e a mellora da súa calidade. En conxunto, agora hai máis de 3,1 millóns de afiliados máis (3.113.643) con contrato indefinido que en decembro de 2021, o último mes antes da entrada en vigor da reforma.

Ademais, en decembro, a porcentaxe de afiliados con contrato indefinido sitúase no 86%, o seu máximo histórico, crecendo 16 puntos desde a reforma laboral. Así, a taxa de temporalidade mantense en mínimos (o 14%). No caso dos menores de 30 anos, a redución do nivel de temporalidade é máis intensa, baixando en 31 puntos porcentuais (do 53% ao 22%) respecto ao nivel que tiña antes da reforma.
Os efectos da reforma laboral tamén se notan na evolución dos contratos indefinidos a tempo completo ao longo do ano, que crecen con maior intensidade (5,5 % en media en 2023) que os de tempo parcial (5,2 %) e que os fixos descontinuos (3,7 %).
Por outra banda, o número de traballadores en ERTE mantense en niveis mínimos, na contorna dos 11.000, que supoñen menos do 0,1 % do total de afiliados.
Mellora notable dos ingresos da Seguridade Social
O forte dinamismo do mercado laboral e o incremento da calidade do emprego está a contribuír a reforzar a sustentabilidade do sistema de pensións, de forma que os ingresos por cotizacións sociais rexistraron ata novembro (último mes con datos dispoñibles) un crecemento do 10,3 %. Se se desconta o efecto dos ingresos provenientes do Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) , que se empezou a aplicar en xaneiro de 2023, as cotizacións crecen a un ritmo do 8,3 %. Por último, a melloría do emprego tamén impulsa a ratio cotizante por pensionista, que se sitúa en 2,42, máximos da década.

Información adicional no Excel e na web:
https://w6.seg-social.es/PXWeb/pxweb/es