07/08/2025

Inclusión

O Ingreso Mínimo Vital chegou a case 2.300.000 persoas en xullo

Topics:

  • Inclusión
  • O número de fogares beneficiarios ascende a 752.469, e deles, 129.655 son monoparentais
  • En máis de dous terzos dos fogares con IMV viven menores, que ademais son o 41,2 % dos beneficiarios
  • O IMV con complemento de axuda á infancia chegou este mes a 527.071 unidades de convivencia
  • Desde a súa posta en marcha, o IMV deu cobertura a 1.068.719 fogares e beneficiado a 3.176.036 persoas
  • “Nos fogares monoparentais, a maioría cunha muller á fronte e menores ao seu cargo, o IMV supón unha panca esencial nun momento difícil, cando soster soa unha familia implica un esforzo enorme. A prestación contribúe a dar estabilidade e seguridade a estas nais e aos seus fillos e fillas” , valorou a ministra Elma Saiz

O Ingreso Mínimo Vital (IMV) chegou en xullo a 752.469 fogares nos que viven 2.299.000 persoas, segundo a última estatística publicada polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). A contía media da prestación é de 519,16 euros ao mes por fogar e, en conxunto, a nómina actual ascendeu a 426,3 millóns de euros.

Este mes, hai 112.501 prestacións activas máis que as que había hai un ano neste mesmo período, o que supón un incremento do 17,6 %.

En canto á evolución dos beneficiarios, en xullo de 2025 contabilízanse 370.570 beneficiarios máis que os rexistrados neste mesmo mes de 2024 (+19,2 %).

Tanto polo perfil dos titulares como dos beneficiarios, podemos dicir que o IMV ten un marcado perfil feminino, onde o 67,8 % dos titulares (509.970) e o 53,5 % dos beneficiarios son mulleres, en concreto, 1.229.040.

Infancia e IMV

O 41,2 % dos beneficiarios son nenos, nenas e adolescentes, 947.903, polo que se dá resposta a un dos obxectivos principais do IMV que é combater a pobreza infantil.

En xullo, en máis de dous terzos dos fogares cubertos polo IMV conviven menores de idade, en concreto o 69%. En total, hai 519.011 fogares con menores, dos que 129.655 son monoparentais, é dicir, constitúense por un só adulto (normalmente muller) que está a cargo de menores.

Máis de 129.000 fogares monoparentais están a recibir o Ingreso Mínimo Vital. Na maioría, hai unha muller á fronte e menores ao seu cargo. A prestación supón unha panca esencial nun momento difícil das súas vidas, cando soster unha familia soa implica un esforzo enorme. O IMV contribúe a dar estabilidade e seguridade a estas nais e aos seus fillos e fillas, recoñecendo a súa realidade e acompañándoos onde máis o necesitan” , valorou a ministra Elma Saiz.

Unha das principais ferramentas de loita contra o risco de pobreza infantil é o complemento de axuda para a infancia (CAPI) , que forma parte do Ingreso Mínimo Vital. Este mes, o IMV con este complemento chegou a 527.071 unidades de convivencia. Esta modalidade de IMV supón unha axuda de 115 euros por fogar ao mes no caso de nenos de 0 a 3 anos; de 80,5 euros ao mes por cada neno entre 3 e 6 anos; e de 57,5 euros ao mes por cada menor de entre 6 e 18 anos. A contía media do complemento en xullo foi de 67,7 euros por cada menor e de 124,6 euros por fogar con menores. O IMV, unha prestación estrutural

Desde a súa posta en marcha, o IMV chegou a 1.068.719 fogares e beneficiado a 3.176.036 persoas, dos cales 1,37 millóns son nenos, nenas e adolescentes, o 43,3 % do total.

Nestes cinco anos de vixencia, o Ingreso Mínimo Vital demostrou ser unha ferramenta eficaz e imprescindible para reducir a pobreza extrema e a desigualdade, especialmente entre nenos, nenas e adolescentes. Detrás de cada dato hai unha vida, un fogar que se apoia nesta axuda para mirar ao futuro cun pouco máis de certeza” , asegura Saiz.

Cúmprense cinco anos desde a creación do IMV, nos que a Seguridade Social destinou 16.204, 7 millóns de euros ao aboamento das nóminas desta prestación.