Dirección General de Ordenación de la Seguridad Social
Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social
Functions
- A realización das funcións de ordenación xurídica do sistema da Seguridade Social, elaborando e interpretando as normas e disposicións que afecten o dito sistema, unificando e ditando os criterios normativos necesarios para a súa efectividade.
- O estudo, informe e, se é o caso, proposta das normas que regulan o sistema da Seguridade Social e as pensións especiais, para os efectos da súa coherencia e compatibilidade.
- A elaboración, tramitación e, se é o caso, resolución das propostas de sancións que se orixinen por infraccións en materia de Seguridade Social.
- A tramitación do procedemento para a aplicación de coeficientes reductores da idade de xubilación.
- A coordinación de actuacións e a elaboración de propostas para a integración na Seguridade Social das continxencias e prestacións cubertas por Entidades Substitutorias ou excluídas desta respecto de determinados colectivos.
- O seguimento e a elaboración de propostas normativas respecto das continxencias e prestacións dispensadas polas Entidades Alternativas.
- A elaboración do anteproxecto de orzamentos da Seguridade Social, de conformidade coa política de protección social establecida polo Goberno, así como establecer a coordinación con outros departamentos en materia orzamentaria da Seguridade Social.
- A xestión económico-orzamentaria das transferencias correntes e de capital, así como de calquera outro ingreso a favor da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, dentro dos créditos do servizo «Secretaría de Estado da Seguridade Social e Pensións» integrado no orzamento do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
- Promover e cuantificar as achegas do orzamento do Estado esixidas para amparar a protección da Seguridade Social atendida por aquel en cada exercicio
- O seguimento, coordinación e adecuación financeira da xestión correspondente ás pensións asistenciais subsistentes por invalidez e xubilación reguladas na Lei 45/1960, do 21 de xullo, pola que se crean determinados fondos nacionais para a aplicación social do imposto e do aforro.
- A realización do seguimento na orde económica e orzamentaria das entidades xestoras, servizos comúns e Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social, así como os seus Centros Mancomunados, xunto coa recepción, análise, elaboración e publicación en internet da información relativa ás prestacións económicas xestionadas polas Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social.
- A tramitación das modificacións orzamentarias correspondentes a Entidades Xestoras, Servizos Comúns e Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social e os seus Centros Mancomunados.
- A xestión e seguimento do programa FIPROS (Fomento da investigación da protección social).
- A publicación, elaboración e distribución da Mostra Continua de Vidas Laborais.
- O estudo, análise, seguimento e informe sobre os instrumentos de previsión social complementaria para o seu desenvolvemento, coherencia e compatibilidade co sistema de prestacións da Seguridade Social e a elaboración de propostas normativas relativas aos principios e réximes de coordinación entre as pensións públicas e complementarias no ámbito laboral.
- O coñecemento e avaliación da xestión e da situación económica e financeira das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social e dos seus Centros Mancomunados, formulando as iniciativas e propostas pertinentes ou adoptando as medidas que legalmente correspondan nos supostos de deficiencias ou de desequilibrios postos de manifesto.
- A dirección e tutela da xestión das mutuas colaboradoras coa Seguridade Social e das empresas colaboradoras, correspondéndolle a adopción de todas aquelas resolucións cuxa competencia non estea expresamente atribuída á Secretaría de Estado da Seguridade Social e Pensións pola normativa aplicable.
- A ordenación da prevención de riscos laborais con cargo a cotas de Seguridade Social.
- A elaboración da Memoria económico-financeira e de xestión das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social e dos informes correspondentes ás Entidades Colaboradoras na xestión da Seguridade Social.
- A elaboración, tramitación e, se é o caso, resolución en materia de asignación de coeficientes reductores dos traballos realizados en empresas mineiras, así como o establecemento, con carácter anual, das bases normalizadas de cotización da Minería do Carbón.
- O desenvolvemento, elaboración e coordinación das funcións económico-financeiras da Seguridade Social que corresponden ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, levando a cabo a súa planificación xunto coas proxeccións de ingresos e gastos do sistema da Seguridade Social, e realizando os estudos financeiros preceptivos para a consecución dos obxectivos planificados, así como a elaboración dos informes preceptivos para a Comisión Permanente de Seguimento e Avaliación dos Acordos do Pacto de Toledo e para a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, sen prexuízo das competencias que teñen as entidades xestoras e os servizos comúns da Seguridade Social na elaboración dos seus respectivos anteproxectos de ingresos e na elaboración dos seus informes de orzamentos, como titulares dos ficheiros e bases de datos da Seguridade Social.
- A elaboración da memoria económica e de impacto orzamentario de cada unha das disposicións que teñan incidencia nos recursos ou os gastos do sistema da Seguridade Social; a elaboración do Informe Económico-Financeiro aos Orzamentos da Seguridade Social.
- O deseño metodolóxico, desenvolvemento, mantemento, supervisión e explotación do sistema estatístico da Seguridade Social e os seus indicadores, así como a coordinación de toda actividade de estudo e investigación, sen prexuízo das competencias atribuídas, no ámbito estatístico-contable, á Intervención Xeral da Seguridade Social, ás entidades xestoras e aos servizos comúns da Seguridade Social.
- A participación, desenvolvemento e coordinación das actividades da Seguridade Social relacionadas co ámbito internacional, tanto dos grupos de traballo do Comité de Protección Social da Comisión Europea e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, como na elaboración dos informes requiridos por diversos organismos internacionais ou derivados da pertenza de España aos ditos organismos, sen prexuízo das competencias da Secretaría Xeral Técnica e en coordinación con ela.
- A recepción e análise da documentación relativa ás enfermidades profesionais e a súa explotación estatística; a administración do sistema CEPROSS (Comunicación de enfermidades profesionais da Seguridade Social) , das bases de datos de continxencias profesionais e do sistema PANOTRATSS (Patoloxías non traumáticas de accidentes de traballo do sistema de Seguridade Social).
- O establecemento dos requisitos funcionais para o tratamento informático e de bases de datos da Seguridade Social de continxencias profesionais, sen prexuízo das competencias que ostentan as entidades xestoras e os servizos comúns da Seguridade Social como titulares dos ficheiros e bases de datos da Seguridade Social.
- A elaboración das bases de datos e informes estatísticos e económicos requiridos para a aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación e outras medidas no ámbito da Seguridade Social, sen prexuízo das competencias que ostentan as entidades xestoras e os servizos comúns da Seguridade Social como titulares dos ficheiros e bases de datos da Seguridade Social.
- As competencias en materia de recoñecemento, xestión e proposta de pagamentos das prestacións, indemnizacións, axudas e anticipos cuxa competencia teña atribuída esta Dirección Xeral, así como a tramitación, proposta e, se é o caso, resolución das reclamacións e recursos interpostos contra aqueles actos que, en materia de axudas, pensións ou indemnizacións, sexan da súa competencia.
- Actuar como Secretaría da Comisión Promotora e de Seguimento dos fondos de pensións de emprego de promoción pública abertos, exercendo as funcións que lle atribúe a lexislación.
- Asistir á Comisión Promotora e de Seguimento dos fondos de pensións de emprego de promoción pública abertos no exercicio das funcións que lle atribúe a lexislación.
- Realizar as actuacións preparatorias e promover os expedientes de contratación necesarios para o cumprimento da lexislación vixente en materia de fondos de pensións de emprego de promoción pública abertos.
- Cooperar en materia de fondos de pensións de emprego de promoción pública abertos coa Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Economía e Apoio á Empresa, no exercicio das súas funcións como autoridade supervisora de plans e fondos de pensións.